O 19 de abril, martes, 19 alumnas e alumnos de 4º de ESO matriculados en Bioloxía e Xeoloxía (6/14 de 4ºA, 5/7 de 4ºB; 8/29 de 4ºC) visitaron o Centro do Lobo Ibérico Félix Rodríguez de la Fuente, un complexo educativo ubicado nun monte de utilidade pública da localidade de Robledo de Sanabria, no concello de Puebla de Sanabria (máis información en: https://centrodellobo.es/).
Conta cun Centro de Interpretación (un equipamento de 1.800 m², integrado na contorna, que responde a criterios de ecoeficiencia e que evoca e reinterpreta elementos patrimoniais asociados ao lobo) obra do arquitecto D. Leocadio Peláez. No seu deseño tivéronse en conta factores bioclimáticos, como o emprego de materiais propios da zona, a disposición semisoterrada do edificio para incrementar o seu aillamento térmico, a existencia dunha cuberta vexetal ou a iluminación natural ao través de lucernarios; asemade, emprega enerxías renovables.
Fuente:
Esther, unha das educadoras do centro, recibiunos e guiou ao grupo polas instalacións. Luis González, Catedrático de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, acompañou ao grupo durante a actividade.
O centro conta con dous grandes recintos principais valados, dunhas 3 hectáreas cada un, nos que conviven varios exemplares de lobo ibérico, Canis lupus signatus, en réxime de semiliberdade, que poden ser observados polos visitantes. Os recintos contan con vexetación natural, zonas de refuxio, charcas artificiais e un completo sistema de videovixiancia para garantir as condicións de benestar dos exemplares.
Para facilitar a observación dos lobos construíronse varias sendas peonís, algunhas adaptadas para o tránsito de persoas con mobilidade reducida, así como tres observatorios elevados coa intención de que os exemplares poidan ser observados sen que se vexan alteradas as súas pautas de comportamento natural. Para facilitar o seu avistamento algúns exemplares están socializados co home, polo que se conta cunha serie de espazos e instalacións auxiliares destinadas a tal fin: recintos de aclimatación, andadeiros de manexo, etc.
Asemade, o centro conta cunha edificación específica para a unidade de manexo e control veterinario. Esta unidade dispón de distintas zonas de traballo, garantiza a atención veterinaria e o benestar dos exemplares, e conta cun recinto de corentena e rehabilitación.
No primeiro cercado puidemos ver a Carlos Sanz (outro dos educadores do centro, que tivo a oportunidade de traballar durante cinco anos con Félix Rodríguez de la Fuente; máis información en:(https://carlossanzamigolobo.com/) alimentando e socializando co primeiro dos grupos de lobos.
Dado que a unidade social dos lobos é o grupo familiar, moi xerarquizado e territorial, procúrase un coidado especial en propiciar unha convivencia armónica entre os diferentes exemplares, evitando tensións e agresións físicas. Favorécese a existencia de parellas alfa ou dominantes, para evitar problemas ao tratar de adquirir este rango xerárquico, que conviven con tranquilidade con outros individuos de menor categoría social. O persoal da unidade de manexo do centro encárgase de avaliar a compatibilidade entre os exemplares e contribuir positivamente á conformación das diferentes mandas. Asemade, fomentan a realización de exercicios de xeito periódico para manter aos lobos no mellor estado físico posible.
Esta actividade tiña, entre outros obxectivos, o de motivar e preparar a inminente visita ao Parque Natural de Invernadeiro. Queremos agradecer a Esther e a Carlos a amabilidade e cercanía no trato co grupo, a súa vocación e a innegable capacidade de comunicación; e a Rubén que dera todas as facilidades na xestión da visita.