domingo, 22 de mayo de 2022

Visita ao Centro do Lobo Ibérico de Castela e León (Salesianos Ourense)

 O 19 de abril, martes, 19 alumnas e alumnos de 4º de ESO matriculados en Bioloxía e Xeoloxía (6/14 de 4ºA, 5/7 de 4ºB; 8/29 de 4ºC) visitaron o Centro do Lobo Ibérico Félix Rodríguez de la Fuente, un complexo educativo ubicado nun monte de utilidade pública da localidade de Robledo de Sanabria, no concello de Puebla de Sanabria (máis información en: https://centrodellobo.es/).

Conta cun Centro de Interpretación (un equipamento de 1.800 m², integrado na contorna, que responde a criterios de ecoeficiencia e que evoca e reinterpreta elementos patrimoniais asociados ao lobo) obra do arquitecto D. Leocadio Peláez. No seu deseño tivéronse en conta factores bioclimáticos, como o emprego de materiais propios da zona, a disposición semisoterrada do edificio para incrementar o seu aillamento térmico, a existencia dunha cuberta vexetal ou a iluminación natural ao través de lucernarios; asemade, emprega enerxías renovables.

Fuente:

https://naturezaula.salesianosourense.com/2022/05/visita-ao-centro-do-lobo-iberico-de-castela-e-leon/







Esther, unha das educadoras do centro, recibiunos e guiou ao grupo polas instalacións. Luis González, Catedrático de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, acompañou ao grupo durante a actividade.

O centro conta con dous grandes recintos principais valados, dunhas 3 hectáreas cada un, nos que conviven varios exemplares de lobo ibérico, Canis lupus signatus, en réxime de semiliberdade, que poden ser observados polos visitantes. Os recintos contan con vexetación natural, zonas de refuxio, charcas artificiais e un completo sistema de videovixiancia para garantir as condicións de benestar dos exemplares.

Para facilitar a observación dos lobos construíronse varias sendas peonís, algunhas adaptadas para o tránsito de persoas con mobilidade reducida, así como tres observatorios elevados coa intención de que os exemplares poidan ser observados sen que se vexan alteradas as súas pautas de comportamento natural. Para facilitar o seu avistamento algúns exemplares están socializados co home, polo que se conta cunha serie de espazos e instalacións auxiliares destinadas a tal fin: recintos de aclimatación, andadeiros de manexo, etc.

Asemade, o centro conta cunha edificación específica para a unidade de manexo e control veterinario. Esta unidade dispón de distintas zonas de traballo, garantiza a atención veterinaria e o benestar dos exemplares, e conta cun recinto de corentena e rehabilitación.








No primeiro cercado puidemos ver a Carlos Sanz (outro dos educadores do centro, que tivo a oportunidade de traballar durante cinco anos con Félix Rodríguez de la Fuente; máis información en:(https://carlossanzamigolobo.com/) alimentando e socializando co primeiro dos grupos de lobos.







Carlos mantivo unha amena charla co grupo, antes de pasar a ver o segundo cercado. Explicounos que parte dos lobos do centro naceron en catividade ou foron cedidos por distintas entidades. Todos estes están socializados e sometidos a atención veterinaria permanente por parte do personal especializado que se encarga da unidade de manexo e recuperación. Outros exemplares foron rescatados do medio natural, pero non son aptos para a súa vida en liberdade; estes animais, en principio, non están socializados co home e o seu manexo e avistamiento adoita ser máis complexo.







Dado que a unidade social dos lobos é o grupo familiar, moi xerarquizado e territorial, procúrase un coidado especial en propiciar unha convivencia armónica entre os diferentes exemplares, evitando tensións e agresións físicas. Favorécese a existencia de parellas alfa ou dominantes, para evitar problemas ao tratar de adquirir este rango xerárquico, que conviven con tranquilidade con outros individuos de menor categoría social. O persoal da unidade de manexo do centro encárgase de avaliar a compatibilidade entre os exemplares e contribuir positivamente á conformación das diferentes mandas. Asemade, fomentan a realización de exercicios de xeito periódico para manter aos lobos no mellor estado físico posible.


Un grupo de milanos reais, Milvus milvus, planeaba sobre os cercados, curiosos e atentos aos movementos do grupo, dos lobos (e da súa comida) e dos seus coidadores.




No segundo cercado voltamos a ver a Carlos Sanz alimentando e socializando co segundo dos grupos de lobos, formado por unha parella reprodutora e os seus tres descendentes, todos eles nados no centro.












Logo de subir preto de 150 chanzos visitamos o observatorio do Penedo, onde vimos de novo a Carlos Sanz alimentando e socializando con outros dous lobos.









Logo estivo a falar connosco e aclarou todas as dúbidas que puideron xurdir durante a visita.






Antes de marchar puidemos visitar a dotación expositiva coa que conta o centro. Consiste nun percorrido onde todos os aspectos relativos ao lobo ibérico se tratan desde o punto de vista da súa relación cos humanos, tendo en consideración que é unha das especies silvestres coa que mantivemos unha convivencia máis intensa ao longo da historia, xerando un enorme patrimonio cultural, e a primeira en ser domesticada. Amosa de forma atractiva a súa importante pegada na cultura material e inmaterial da península Ibérica, a cobiza por avanzar no coñecemento científico sobre a especie e o resultado actual deste: unha relación entre lobos e persoas racional e obxectiva, plasmada en plans de conservación e xestión, co obxectivo de garantir unha convivencia armónica entre ambos. Cada un dos seus espazos ten unha estética propia, que fomenta a sorpresa: histórica-antropolóxica, bosque, choza-cociña na escuridade, laboratorio… Unha viaxe de descubrimento da especie ao través do seu territorio, e unha experiencia emocionante, reflexiva e artística, que permite desfrutar con todos os sentidos, empregando materiais locais, interactivos e manipulables, accesibles para todos os visitantes. Unha visión multidisciplinar, polifacética, variada, dado que así é a relación entre lobos e humanos: bioloxía, arqueoloxía, folclore, historia, xestión, ecoloxía, arquitectura, filoloxía, conservación, etc… Unha visión global e local: ofrecendo información global sobre a especie sen perder o atractivo e a singularidade da información local (toponimia, folclore, costumes, tradicións, etc…). Un achegamento ameno e atractivo á conservación e xestión do lobo en Castela e León, unha testemuña en favor da gandería extensiva e das actuacións para minimizar o impacto do lobo sobre as explotaciones gandeiras.















Esta actividade tiña, entre outros obxectivos, o de motivar e preparar a inminente visita ao Parque Natural de Invernadeiro. Queremos agradecer a Esther e a Carlos a amabilidade e cercanía no trato co grupo, a súa vocación e a innegable capacidade de comunicación; e a Rubén que dera todas as facilidades na xestión da visita.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...